Wednesday 15 de May de 2024

O Concello de Ordes aproba novas medidas de aforro enerxético


O pleno celebrado esta mañá dá luz verde á unha nova instalación solar térmica na piscina Iván Raña Fuentes e á colocación de novas luminarias con sistema LED en distintos puntos do municipio. Unanimidade para a posta en marcha do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo II

O pleno extraordinario do Concello de Ordes celebrado esta mañá aprobou por unanimidade unha serie de medidas que se traducirán nun incremento da eficiencia enerxética e o aforro darredor dun 70% para as arcas municipais. Trátase de dúas actuacións que atinxen ao sistema de iluminación pública (Fase II) e á implantación dunha instalación solar térmica na piscina climatizada Iván Raña Fuentes. Os orzamentos de ditos proxectos ascenden a 2012.439,05 106.536,40 euros respectivamente. Unhas contías que serán sufragadas nun 80% a través dos fondos FEDER concedidos a través do Instituto da Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

O primeiro dos proxectos contempla, dun total de 508, o cambio de 413 puntos de luz por outros con tecnoloxía LED. As luminarias sitúanse ao longo das rúas Campeiras, Galicia, Rosalía de Castro, Alfonso Senra, Campo da Feira e no lugar de Guindiboo de Arriba.

No caso da piscina comarcal a instalación térmica proxectada servirá de apoio para a produción de auga quente sanitaria (ACS) e para o quentamento do vaso. Isto traducirase tamén nunha diminución na emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro derivados do uso de combustibles fósiles.

Outra medida na que todos os grupos estiveron de acordo foi a de solicitarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a subvención de 324.896 euros para a posta en marcha do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo II. Ao igual que o anterior obradoiro, cuxa fecha de finalización está marcada para o videiro 8 de agosto deste mesmo ano, levarase a cabo de maneira conxunta polos concellos de Frades, Mesía e Ordes, sendo este último a entidade promotora. En total serán 20 os alumnos/as traballadores/as que formarán parte del realizando labores de repoboación forestal e silvicultura á par que reciben formación teórica. No caso do municipio de Ordes contémplanse 17 actuacións que pasan, entre outras, polas melloras nas parcelas incluídas en procesos de concentración parcelaria, así como traballos de rozas mecánicas e manuais ou repoboacións. O parque empresarial de Merelle, as brañas de Pumariño, área da Adina, campo da festa de Parada, Revolta de Mosqueira (Leira), prado de Ramos (Barbeiros), entorno da capela de San Pedro de Adrán (Vilamaior), ou a chousa de Ardemil son algúns dos lugares onde se realizarán estes traballos.

Tamén coa aprobación de todos os grupos ratificouse a modificación puntual da normas subsidiarias de planeamento municipal para a consecución en solo en industrial dun sector no lugar de Queirua. Unha medida que garantirá o crecemento e desenvolvemento de novos proxectos para a empresa Internaco S.A.

Modificación puntual
O único punto que non conseguiu acadar o consenso foi o relativo, tamén, á unha modificación puntual da normas subsidiarias de planeamento municipal: Esta vez facía referencia ao núcleo de Reboredo. Agás o BNG o resto da corporación estivo de acordo en darlle luz verde á eliminación dun vial que segundo o ditame presentado “non mellora a accesibilidade, desvirtúa a morfoloxía do núcleo rural e complica o entronque entre o vial norte con outros”. Baixo o criterio dos nacionalistas esta supresión non mellora a contorna, considerando preferible a incorporación de superficie ao dito vial.